Monday 06 de May de 2024

Xunta, SEA e concello analizan os pasos a seguir para comezar en 2023 a ampliación do polígono da Laracha


— Ángeles Vázquez subliña que a Xunta aprobou en 2021 a modificación do proxecto sectorial necesaria para ampliar o parque e despois incluíu a nova delimitación no Plan de ordenación de áreas empresariais, que se prevé aprobar en primavera

— O obxectivo é incorporar ao norte da actual área empresarial máis de 330.000 m2 cos que responder ás necesidades de implantación de empresas neste municipio

Xunta de Galicia, o organismo Solo Empresarial do Atlántico (SEA) e o Concello da Laracha avanzarán cada un desde o ámbito das súas respectivas competencias co obxectivo de poder comezar o vindeiro ano coa ampliación do actual parque empresarial do municipio.

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, a xerente de SEA, Beatriz Sestayo, e o alcalde da Laracha, José Manuel López, acompañados polo director do Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS), Heriberto García, e outros representantes municipais, analizaron esta tarde os pasos a seguir para impulsar a incorporación dun novo ámbito ao polígono, iniciativa que obedece á consolidación desta área industrial e ás necesidades de implantación de novas empresas no municipio.

Neste sentido cómpre subliñar a implicación e o apoio da Xunta ao proxecto de ampliación do parque larachés desde o primeiro momento. Así, tal e como subliñou a conselleira, o Goberno galego aprobou en 2021 a modificación do proxecto sectorial do parque para flexibilizar e axilizar a implantación de empresas a través, por exemplo, da regulación das alturas máximas das edificacións en determinadas ordenanzas e ao admitir e regular o usos de instalacións de enerxía renovable para o autoconsumo.

Así mesmo, a ampliación do polígono da Laracha tamén está incluída na segunda modificación do Plan sectorial de ordenación de áreas empresariais de Galicia (PSOAEG) que tramita o Instituto Galego da Vivenda e Solo e actualmente está en fase de información pública.

Ata o momento, a conselleira indicou que non se recibiron alegacións con relación a esta área empresarial —o prazo finaliza o 16 de novembro— e avanzou que a previsión da Xunta é poder aprobar de forma definitiva o novo PSOAEG a vindeira primavera.

Tramitación paralela do Plan estruturante
Grazas ao traballo de planificación do Goberno autonómico a través deste instrumento de planificación, o parque industrial da Laracha pasará dos seus actuais 825.249 metros cadrados, a superar os 1,1 millóns de metros cadrados.

A nova delimitación estará no linde norte do polígono, unha localización que permitirá aproveitar o viario actual como vía de acceso e soporte das infraestruturas de servizo, co conseguinte aforro.

Unha vez estea aprobada a modificación do PSOAEG, a conselleira subliñou que SEA, na súa condición de promotor, estaría en disposición de levar a cabo o proxecto de ampliación, incluíndo a redacción e tramitación de todos os documentos urbanísticos necesarios, a obtención dos terreos e a súa urbanización.

Por iso, tendo en conta o avanzado estado de tramitación do PSOAEG, Ángeles Vázquez considerou oportuno e necesario que, paralelamente, SEA inicie o proceso de redacción do Plan estruturante de ordenación —figura creada na nova Lei de áreas emrpesariais de Galicia, que entra en vigor mañá—, necesario para levar a cabo a futura ampliación co fin de axilizar a tramitación e reducir os prazos.

O compromiso da Xunta coa implantación de novas iniciativas empresariais na Comunidade e a mellora e expansión das que xa están en funcionamento manterase en 2023 xa que é consciente do peso que ten sobre a economía garantir o dinamismo do tecido empresarial e industrial. A tal fin, os orzamentos da Consellería para o vindeiro exercicio reservarán un total de 35,4 millóns de euros a actuacións relacionadas coas políticas de solo empresarial, un 3% máis que este ano.